Santiago reunirá arredor de 350 profesionais da cirurxía bocal, a periodoncia, a ortodoncia e a prótese estomatolóxica
As sociedades españolas de Cirurxía Bucal (SECIB), de Periodoncia e Osteointegración (SEPA), de Ortodoncia (SEDO) e de Prótese Estomatolóxica (SEPES) van celebrar a vindeira semana en Santiago a súa xuntanza conxunta. Esta será a primeira vez que o encontro se celebra en Galicia, e particularmente en Compostela, dada a coincidencia coa celebración do Ano Xacobeo.
A xuntanza, que habitualmente se desenvolve en Madrid, reunirá en Santiago entre os días 19 e 20 arredor de 350 profesionais procedentes de toda España. A iniciativa de realizar unha xuntanza conxunta destas catro sociedades radica no aumento de pacientes adultos nas clínicas de ortodoncia, o que ten incrementado a demanda de tratamentos multidisciplinares, obrigando á súa vez aos profesionais a abordar campos diferentes da Odontoloxía.
‘A excelencia ao final do camiño’ é o lema elixida para o programa que se vai celebrar en Compostela e do que son coordinadores Guillermo Galván (SEPES); Daniela Carranza e Elvira Crespo (SECIB); Antonio Liñares (SEPA) e Juan Carlos Pérez Varela (SEDO), estes tres últimos docentes da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
A presentación e discusión de casos clínicos será o punto de partida do programa, nunha sesión que se vai celebrar o venres 19 entre as 10:00 e as 14:00 no Salón de Actos da Facultade de Medicina. Xa pola tarde, no Auditorio de Galicia, abrirase unha quenda de intervencións sobre estética do frente anterior e sobre colapso posterior. Finalmente, na xornada do sábado 20, profesionais e expertos analizarán cuestións relacionadas coas erupcións ectópicas e axenesias e cos tratamentos multidisciplinarios con implantes.
Sociedades odontolóxicasEsta reunión conxunta dá cita en Compostela a catro das sociedades odontolóxicas de maior relevancia en España, presididas, no caso da SECIB e da SEPA, polos profesores da USC José M. Suárez e Juan Blanco Carrión, respectivamente.