Ir o contido principal

A de Santiago, a universidade española que máis recursos capta para mobilidade de docentes en doutoramentos con Mención de Calidade

A de Santiago é a universidade española que máis recursos obtivo do Ministerio de Ciencia e Innovación na convocatoria de axudas para a mobilidade de profesores visitantes nos estudos de doutoramento con mención de calidade para o curso 2008-2009. Conséguese así asegurar unha alta mobilidade dos docentes a través da captación de recursos externos aos propios da universidade.
Na actualidade, son 31 os programas de doutoramento coordinados pola USC que obtiveron a Mención de Calidade do Ministerio –a que máis posúe do Sistema Universitario Galego- e dos que 21 optaron a esta convocatoria competitiva acadando preto de 290.000 euros e superando ao resto das universidades españolas. Atendendo aos recursos acadados, á de Santiago séguelle a Complutense, a Politécnica de Cataluña, Granada e Barcelona.
Ademais destes, tamén obtiveron axudas outros catro programas interuniversitarios nos que a institución compostelá participa pero non intervén como coordinadora. Por esta vía, a cifra total captada increméntase noutros 41.000 euros.
Tribunais de teseO Ministerio fixo tamén pública a resolución da convocatoria de axudas de mobilidade para a participación de profesores en tribunais de teses para acadar a Mención Europea no título de doutor e na que a USC ocupa o quinto lugar segundo os recursos recibidos, preto de 25.000 euros para 26 tribunais. Para os responsables universitarios trátase dun dato “significativo do número de mencións europeas de calidade coas que conta a USC”.
En opinión do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, estes datos falan da capacidade de captación de recursos dos programas de doutoramento da USC. Respecto do xa destacado número de programas con Mención de Calidade, Pló asegura que a aspiración da Universidade é incrementar esta cifra ata chegar á totalidade dos doutoramentos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.01.2009.