Sarria será a sede dun curso de verán da USC sobre o desenvolvemento económico do centro-sur da provincia de Lugo
A Casa do Concello da localidade lucense de Sarria será do 16 ao 19 de xullo a sede dun dos cursos incluídos na oferta formativa da Universidade de Verán 2012 da USC. A actividade leva por título O desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo, e abordará especialmente as posibilidades que derivadas dos sectores forestal, agropecuario e de servizos. Os directores do curso son Jose Federico García Fernández e Manuel Gómez Díaz, mentres que Manuel Veiga Carballido se encarga da secretaría. Todos eles son profesores da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. O primeiro dos relatorios do curso será impartido polo catedrático da USC Antonio Rigueiro, que falará sobre as propostas de ordenación forestal que faciliten a industrialización deste sector. Pola súa parte Luciano Sánchez García, doutor en Veterinaria, achegará aos participantes os novos retos aos que se enfronta a gandería en Galicia. A terceira das charlas da xornada virá da man do decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera Gómez, neste caso sobre a transformación industrial dos produtos do sector primeria en Galicia como obxectivo principal para o desenvolvemento económico. A xornada complétase cunha mesa redonda sobre o sector primario e a súa transformación industrial. O martes 17 a actividade ábrese co relatorio ‘A supervivencia das empresas. O caso particular das empresas familiares’, a cargo de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia. O profesor da USC e director do centro Xenética Fontao, Alejandro Fernández Fernández, presentará na súa intervención as vantaxes e repercusión económicas que se derivan do emprego da mellora xenética en gandería. A última das actividades desta xornada será unha visita a unha empresa da zona relacionada cos sectores tratados nos relatorios. A sesión do día 19 iníciase coa charla do xerente de Fundiciones Pardo, José Luis Otero Feijoo, quen falará sobre a responsabilidade social da empresa. José Federico García, un dos directores do curso, presentará a continuación o seu relatorio sobre a busca da eficiencia na xestión pública que, ao seu entender, “debe ser tan intensa como no sector privado”. Outra visita a unha das empresas da zona completará a actividade da xornada. O curso remata o xoves 19, cun relatorio a cargo do outro director da actividade, Manuel Gómez Díaz, centrado no papel que debe desempeñar o Estado na creación de empresas e de emprego; un taller sobre propostas de potenciación da zona, dirixido por Manuel Veiga, secretario do curso; e unha mesa redonda en torno a accións emprendedoras para o desenvolvemento económico da bisbarra de Sarria. A actividade consta dun total de 30 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.