Ir o contido principal

Satisfacción dos científicos da USC que participan no CERN polo éxito da posta en marcha do Gran Colisionador de Hadróns

Os equipos de investigación da Universidade de Santiago que levan anos traballando no Gran Colisionador de Hadróns (LHC) que hoxe puxo en marcha o Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN) mostraron esta mañá a súa satisfacción polo éxito da operación. O primeiro feixe do LHC circulou con éxito arredor dos 27 quilómetros de circunferencia do acelerador máis poderoso do mundo ás 9:30 horas. O suceso histórico marca un momento clave na transición de case dúas décadas de preparación cara a unha nova era de descubrimentos científicos.
Da institución universitaria compostelá colaboran no LHC dous equipos, un liderado polos profesores Bernardo Adeva e Máximo Plo e outro por Carlos Pajares, delegado científico de España no CERN, para quen “todo funcionou como se esperaba, posibilitando así os seguintes pasos para os vindeiros experimentos”.
O éxito de hoxe supón un comezo. Será nas vindeiras semansa cando os operadores do LHC acaden máis experiencia e confianza coa nova máquina e poida iniciarse con solidez o programa de investigación no que colaborarán científicos da USC xunto con expertos de todo o mundo. Unha vez os feixes entren en colisión haberá un período de medidas e calibracións para os catro experimentos principais do acelerador, calculándose os primeiros resultados para dentro dun ano.
Os experimentos do LHC permitirán aos físicos completar o que comezou coa descrición da gravidade de Newton, que actúa sobre a masa e que ata agora a ciencia non fora quen de explicar o mecanismo de xeración desta e para o que o LHC pretende dar unha resposta.
Pero os experimentos tamén tentarán sondar a misteriosa materia escura do universo -a visible só explicaría o 5% do que debe existir, mentres que se pensa que arredor dun cuarto o forma a materia escura. Investigarán ademais a razón pola que o universo prefire a materia á antimateria e sondarán a materia como existiu ao comezo da nosa era.
“Unha máquina de descubrimentos”. Así define o director xeral do CERN Robert Aymar, ao LHC. O seu programa de investigación, explica, “ten o potencial de cambiar a nosa visión do Universo profundamente, continuando cunha curiosidade do ser humano”.
Intensa colaboración coa USCCun orzamento de 800 millóns de euros, no CERN están representados un total de vinte países sendo un destacado modelo de colaboración científica internacional e un dos centros de investigación más importantes no mundo.
A Universidade de Santiago e este organismo manteñen unha intensa colaboración dende hai preto de 30 anos. A maioría dos profesores do Departamento de Física de Partículas compostelá así como un gran número de estudantes de posgrao realizaron diversas estadías no centro internacional con sede en Suíza participando nas súas investigacións tanto teóricas como experimentais.
Partindo da súa liña de investigación básica, centrada na busca dos últimos constituíntes da materia, neste centro desenvólvese toda unha serie de tecnoloxías que propiciaron un novo modo de facer ciencia “dun xeito aberto con alcance internacional “ como subliñou o profesor Pajares.
Ademais, a vinculación da USC co CERN permite a participación de universitarios composteláns en importantes proxectos internacionais respaldados por destacadas universidades e centros de investigación, permitindo un frutífero intercambio de ideas e o acceso e desenvolvemento de tecnoloxía punteira de alcance social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2008.