A sección alemá do Centro de Linguas Modernas da USC saca á luz un poemario bilingüe de Úrsula Heinze

O Centro de Linguas Modernas da USC, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, acaba de sacar á luz unha publicación bilingüe cunha escolma de cincuenta poemas da autora alemá afincada en Santiago de Compostela Úrsula Heinze, traducidos ao galego por Maruxa Zaera Landeira, que abarcan un período que vai do ano 1997 ao 2008. A publicación, que contén tamén un CD con vinte poemas lidos pola propia autora, ademais de ser unha pequena e merecida homenaxe a Úrsula Heinze por parte da sección de alemán do CLM, está concibida como material didáctico para o estudo da lingua alemá na liña do realizado dende o Centro de Recursos de Idiomas no que as persoas interesadas na aprendizaxe dunha lingua estranxeira poden facelo de maneira autónoma e personalizada. O volume pode descargarse de maneira libre e gratuíta en formato pdf, mais quen prefiran posuír unha versión en papel poden adquirila ao prezo de 11,30 € na imprenta Unidixital.