Ir o contido principal

A sección de lingua francesa do Centro de Linguas Modernas da USC inicia unha viaxe cultural a Francia

Alumnos de francés do Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) realizarán esta Semana Santa unha viaxe a Auvernia no Macizo Central francés, nunha iniciativa que o centro universitario acomete por sexto ano. Nas anteriores ocasións, a viaxe permitíralle aos estudantes da USC visitar Midi-Pyrénées, Bretaña, Provenza, París e Périgord.
O percorrido comezará co desprazamento en autocar ata Clermont-Ferrand, dende onde o grupo realizará excursións a Vichy, Le Puy-en-Velay e a zona volcánica dos montes do Cantal e do Puy-de Dôme.
Durante 6 días completos 40 alumnos e ex-alumnos do CLM o acompañados pola profesora Christine García descubrirán esta rexión do corazón de Francia a través das súas paisaxes, patrimonio histórico, aldeas típicas, establecementos termais, ou gastronomía. A viaxe inclúe visitas a catedrais, abadías e centros de produción de queixos.
Para obter un maior proveito desta iniciativa, organizaranse actividades lúdicas en grupos como consultas na rúa ou nos comercios, co obxectivo didáctico de coñecer de preto a sociedade francesa e completar os coñecementos lingüísticos cun cuestionario. Ao remate da viaxe outorgarase un premio para o grupo gañador.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2008.