O secretario de Estado de Universidades presentou na USC a Fundación Universidad.es

O cambio e a modernización do sistema universitario español son, segundo o secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta, un dos obxectivos fundamentais do Ministerio de Ciencia e Innovación para os vindeiros anos. O cambio pasará pola coordinación das liñas de actuación no campo da internacionalización, tanto das universidades como da investigación e a innovación. Co obxecto de fortalecer esta coordinación, o Consello de Ministros creou recentemente a Fundación Universidad.es, presentada por Rubiralta este venres no plenario que o Comité Español Universitario de Relacións Internacionais (CEURI) celebra na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.
No acto de presentación ante o CEURI, acompañaron ao secretario de Estado, o reitor da USC, Senén Barro; o secretario xeral de Coordinación Universitaria do Ministerio de Ciencia, Félix García Lausín; a secretaria xeral da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), María Teresa Lozano Mellado; o presidente de CEURI, o reitor da UNED Juan Gimeno Ullastres; o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; e a secretaria executiva de CEURI, Helena Martínez Piñeiro.
A nova Fundación, pendente da súa constitución formal nas vindeira semanas, debe contribuír ao desenvolvemento da Estratexia Universidad 2015 no tocante á internacionalización das institucións universitarias españolas. Opina Rubiralta que esta estratexia do Ministerio de Ciencia e Innovación é “una gran pacto social” e o camiño para que o sistema universitario no seu conxunto sega avanzando cara a excelencia.
Na posta en marcha da Fundación Universidad.es participan os ministerios de Ciencia e de Asuntos Exteriores, contando cun padroado que integrarán vinte e seis persoas e cunha xunta reitora con carácter executivo que presidirá o propio secretario de Estado de Universidades.
A Fundación será “a marca que identifique ao sistema universitario español no ámbito internacional”, con atención especial á mobilidade, sobre todo tendo en conta que actualmente no mundo hai 2,7 millóns de estudantes universitarios “móbiles” que demandan unha formación global e planos de estudo específicos neste senso. Màrius Rubiralta lembrou que a maior parte destes estudantes proceden de países como China, India, Corea ou Xapón, e de Latinoamérica nos caso das universidades Españolas.
A creación da Fundación Universidad.es permitirá contar cunha estrutura estable dedicada especificamente a contribuír ao proceso de dinamización internacional do sistema español de educación superior servindo, á súa vez, para reforzar o papel de España no contexto internacional. O seu obxectivo será posicionar as universidades españolas entre as máis atractivas e competitivas de Europa e ao sistema universitario entre os dez mellores do mundo, pola súa calidade docente e investigadora e pola súa equidade.