Ir o contido principal

O sector agroalimentario, protagonista das xornadas de emprendemento que organiza a Facultade de ADE en Lugo

O encontro pretende achegar alternativas de autoemprego neste sector para os titulados universitarios que buscan a súa incorporación ao mundo laboral

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo organiza o venres 9 unha xornada dirixida a estudantes, empresarios e emprendedores interesados en poñer en marcha iniciativas dentro do sector agroalimentario. Os organizadores destacan a importancia do emprendemento como unha das “principais opcións para os titulados universitarios á hora de decidir o seu futuro laboral”, sobre todo “nun ámbito fundamental para a economía galega como é o da agroalimentación”. O encontro busca poñer de relevo a importancia que ten a integración da cultura emprendedora dentro da educación superior, apoiar as iniciativas dos estudantes universitarios e amosar exemplos “exitosos e de calidade” de autoemprego dentro deste sector. A sesión de mañá inclúe unha conferencia a cargo do responsable de proxectos de BIC Galicia, Enrique Gómez, e dúas mesas redondas sobre casos de éxito en emprendemento no sector agroalimentario e desenvolvemento do potencial emprendedor dos estudantes da USC, respectivamente. A xornada complétase cun xantar de traballo e unha visita ao viveiro de empresas da Fundación CEL (Confederación de Empresarios de Lugo).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2012.