Unha sede universitaria de referencia
A Rede de Campus de Excelencia Internacional con actividade Agroalimentaria (CEI’s), un grupo de traballo coordinado pola Fundación Triptolemos, celebrará en outubro unha xuntanza no Campus de Lugo da USC, no marco da que se dará conta da programación de iniciativas e accións que desenvolverá esta rede ao longo do quinquenio 2020-2025.
A elección da sede universitaria luguesa como escenario para a presentación dos proxectos e tarefas impulsadas e promovidas pola Rede CEI’s para os próximos cinco anos vén de adoptarse esta semana na Universidade de Córdoba, logo da reunión do padroado da Fundación Triptolemos. Esta sesión, que estivo precedida dunha sesión de traballo na que participaron representantes dos 17 campus universitarios adheridos á Rede CEI’, serviu tamén para formalizar a incorporación do Campus Terra da USC como membro dunha agrupación sectorial á que xa estaba ligada o Campus Vida.
A integración do Campus Terra da USC na Rede de Campus de Excelencia Internacional con actividade Agroalimentaria constitúe un paso adiante para o proxecto de especialización cara o que avanza a sede universitaria luguesa, sinala a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo. Montserrat Valcárcel salientou asemade a boa acollida espertou o ofrecemento de celebrar unha reunión desta rede temática da Fundación Triptolemos na sede luguesa da USC.
O presidente da Rede CEI’s, José Carlos Gómez Villamandos, que na actualidade tamén compaxina este cargo co de presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e coa súa condición de reitor da Universidade de Córdoba, José Carlos Gómez Villamandos, salientou neste senso que a reunión programada en Lugo permitirá á universidade española relacionada co sector agroalimentario coñecer máis polo miúdo o Campus Terra da USC, así como as súas infraestruturas e as súas potencialidades no eido do I+D+i.
Gómez Villamandos, do mesmo xeito que a maioría dos integrantes da Rede CEI’s, entre os que figuran Luis Delgado ou Màrius Rubiralta, defendeu que a cita programada en Lugo sirva tamén de trampolín de presentación do plan de acción deseñado por esta agrupación para o próximo lustro. O deseño deste plan de traballo perfilarase durante os próximos meses, nos que este grupo da Fundación Triptolemos prevé manter reunións, entre outros, cos responsables dos ministerios de Universidades, Agricultura, Pesca e Alimentación, e Ciencia e Innovación ou do Goberno de España.