O segredo dos ósos

Preto de 25 anos de traballo do persoal da Unidade de Anatomía e Embrioloxía Veterinaria foi necesario para a construción do actual Museo de Anatomía Comparada, situado no soto do pavillón III da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
Co obxectivo principal de asistir á docencia, o seu interese transcendeu ese límite ata chegar aos colexios e institutos, onde a visita a este centro se considera unha actividade complementaria aos seus estudos nas materias de Coñecemento do Medio, Ciencias Naturais ou Bioloxía.
Son preto de 300 pezas as que compoñen o complexo museístico, dividido en dúas salas e varias vitrinas, nas que se combinan os modelos analíticos artificiais coas pezas naturais. Actualmente, o museo conta con 43 esqueletos completos montados, 160 pezas óseas soltas das testas, 20 pezas naturais que non forman esqueletos e 60 modelos anatómicos artificiais.
O compendio do museo está dedicado principalmente ás especies domésticas como o can ou o gato, e aos ungulados, tanto ruminantes como non ruminantes. Tamén teñen especies salvaxes, maioritariamente as existentes no contorno lugués. Nun principio o traballo cinguíase ás especies de traballo común do veterinario, pero pouco a pouco o interese por novas mascotas obrigou a modificar o traballo dos profesionais e fixo tamén máis variado esteómuseo.
Traballo autodidactaOs membros deste departamento da Facultade de Veterinaria traballan de forma totalmente autodidacta, xa que son os propios profesores –xunto cun membro do persoal de administración e servizos- os que se ocupan do mantemento, conservación e tamén ampliación das pezas. Estas chegaron de moi diferentes formas a este museo, aínda que proceden na súa maior parte de doazóns de propietarios dos animais, sexan particulares ou empresas como zoolóxicos, parques ou circos.
Ademais do museo, contan tamén cun osario no que se atopan distintas pezas destes animais e que se utilizan para o traballo na sala de prácticas principalmente.
O museo está estruturado tematicamente. As dúas salas están destinadas á exposición dos esqueletos completos e nelas tamén se poden ver partes da estrutura ósea ou das vísceras dos animais. Destacan entre eles pezas curiosas como unha aleta de rorcual ou órganos de grandes mamíferos que foron deshidratados e recheos con poliuretano para dar un aspecto real, tales como estómagos, tractos intestinais ou pulmóns.
As cornamentas ocupan un lugar distintivo, do mesmo xeito que o apartado onde se poden ver pezas de animais con malformacións como hidrocefalias, bicefalias ou polidactilias.
As vitrinas concentran os modelos anatómicos artificiais para o estudo, moitos deles sobredimensionados e de distintas especies. Unha delas está dedicada exclusivamente ás testas. Nela poden verse as mostras dos distintos cranios humanos na escala evolutiva do home, monos antropoides, as dentaduras de cabalos e tenreiros e a súa relación coa idade, ou as testas de cans de distintas razas.
Moitas das curiosidades que se atopan neste museo espertaron o interese dos profesores de centros de ensino non universitario, en especial para complementar as explicacións dadas nas aulas. Por esta razón, o departamento facilita a visita de grupos de escolares achegando as explicacións que se consideren necesarias aos alumnos e favorecendo o aproveitamento das instalacións. O feito de poder manipular moitas das pezas óseas almacenadas para o estudo convértese nun atractivo máis para os estudantes.