As segundas Leccións Xacobeas achegan os piares básicos da investigación actual sobre o Camiño de Santiago
As segundas ‘Leccións Xacobeas: Tras o legado do Apóstolo Santiago’ inauguráronse este mércores no Paraninfo da Universidade cun acto ao que asistiron o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres; o director xeral de Turismo, Rubén Lois; o xerente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez; o deán da Catedral de Santiago, Xosé María Díaz; e o director do curso Miguel Taín Guzman. Tras a apertura, o encontro continuou con tres conferencias sobre os piares básicos da investigación actual sobre o Camiño de Santiago, historia e liturxia.
O Congreso, que terá lugar ata o sábado 18 na Facultade de Xeografía e Historia, continuará este xoves coas novas liñas de investigación sobre a temática xacobea. A partir das 10:00 horas, a bolseira Parga-Pondal no Xacobeo S.A., Rosa Vázquez, falará de Santiago en Roma e, ás 12:30 horas, o catedrático de Historia da Arte da USC, Alfredo Vigo Trasancos, impartirá a conferencia ‘A invención da arquitectura xacobea’.
Xa pola tarde, o profesor da USC Domingo González Lopo explicará, ás 16:00 horas, as peregrinacións e culto a Santiago na Idade Moderna e, ás 18:30 horas, o tamén docente na Universidade de Santiago Federico López Silvestre pronunciará o relatorio ‘As paisaxes impuras da comunicación’.
As leccións do 17 correrán a cargo de destacados investigadores e expertos estranxeiros. Concretamente o historiador Klaus Herbers tratará sobre relatos escritos por camiñantes e os arquitectos Bern Nicolai e Klaus Rheidt analizarán o Pórtico da Gloria e a portada occidental da Catedral de Santiago. O profesor italiano Benedetto Vetere, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Lecce, disertará sobre a peregrinación en Europa e o Mediterráneo e Vincenzo Pacelli, catedrático de Historia da Arte da Universidade Federico II de Nápoles explicará 'La iglesia de San Giacomo degli Spagnoli en Nápoles'.A xornada final dedicarase á actualidade do Camiño, protección, asociacionismo e novos proxectos coa participación de Antonio Roma Valdés, fiscal especialista en Patrimonio Histórico; Felipe Arias Vilas, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; José Antonio de la Riera, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago; e Ignacio Rodríguez Eguíbar, director xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. Alternando coas conferencias, están previstas visitas guiadas ao Museo, Arquivo e cubertas da Catedral.