As segundas xornadas de Arqueometría de Galicia celebraranse en Historia a finais de mes
As segundas xornadas de Arqueometría de Galicia desenvolveranse o 25 de setembro e o 2 de outubro no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia dirixidas tanto a alumnado de grao, máster e doutoramento como a persoal investigador, empresas de arqueoloxía e outros profesionais dedicados ao patrimonio arqueolóxico. No encontro, que coordinan os docentes Antonio Martínez Cortizas e María Pilar Prieto Martínez, divulgaranse as investigacións arqueolóxicas e paleoambientais realizadas no marco dunha acción estratéxica da Rede Consiliencia constituída por un equipo interdisciplinar de investigadores das universidades de Santiago e A Coruña. Fronte ao enfoque monográfico da primeira edición, a actual ofrece unha perspectiva máis variada, recollendo as achegas de especialistas da xeografía, a química, a bioloxía, a antropoloxía física, a arqueoloxía da arquitectura e da paisaxe e a física.
O evento está organizado en catro sesións temáticas que agruparán os distintos relatorios arredor dos temas paleodieta e paleopatoloxía; riscos ao patrimonio costeiro; arqueometría; e paleoambiente e paleocontaminación. A xornada inaugural presidiraa a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, e o secretario da Facultade de Xeografia e Historia, José Miguel Andrade Fernández.