Ir o contido principal

As segundas Xornadas de lingua e literatura galegas no ensino repensarán o papel das novas tecnoloxías neste ámbito cultural

As segundas Xornadas de lingua e literatura galegas no ensino abordarán este venres 6 e o sábado 7 ‘ O ensino da literatura ante o desafío dun novo modelo cultural’. Na Facultade de Filoloxía da USC, o encontro está promovido polos departamentos de Filoloxía Galega e de Didáctica da Lingua e Literatura. María Álvarez de la Granja, membro do Comité Organizador, apunta que a meta do encontro é suscitar unha reflexión sobre a necesidade de repensar o papel da literatura galega no ensino secundario “dentro dun contexto cultural radicalmente modificado polas novas tecnoloxías”. Ademais, a xuntanza de profesionais e especialistas permitirá reforzar as canles de comunicación entre o profesorado de educación secundaria e o universitario co obxectivo último de axeitar a formación dos estudantes ás necesidades e demandas do mercado de traballo e da sociedade galega. As xornadas concíbense como un foro de encontro do profesorado especialista pero tamén de todas aquelas persoas interesadas en abordar os desafíos que hoxe supón o ensino de calquera literatura nun ámbito cultural como o galego. O equipo promotor desta iniciativa considera que permitirá coñecer distintas experiencias educativas, tanto as do profesorado máis veterano como de profesionais incorporados á docencia máis recentemente, co común denominador da procura de solucións novas para os desafíos que hoxe afronte o profesorado de literatura dos centros de Galicia. Esta é unha actividade recoñecida como formación permanente do profesorado pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria con doce horas lectivas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2015.