Ir o contido principal

Unha selección de fondos editoriais da USC estará dispoñible en internet a través de Google Books

A de Santiago é a primeira Universidade galega que se suma a esta iniciativa

Parte dos fondos editoriais da Universidade de Santiago estarán dispoñibles en internet a través de Google Books, segundo un acordo recente que permitirá difundir na rede unha importante selección dos libros que edita o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da institución docente e que a converte na primeira das galegas que se suma a esta iniciativa.
Google Books é un servizo que indexa a información contida en centos de miles de publicacións impresas para ofrecer aos usuarios a posibilidade de que atopen calquera dato dentro deles. Na actualidade ten xa máis de sete millóns de libros dixitalizados dispoñibles en máis de cen idiomas diferentes, sendo o español o segundo máis empregado nas buscas.
Concretamente serán 700 libros e 246 teses de doutoramento defendidas nos anos 2007 e 2008 os volumes da USC que Google Books ofrecerá no seu web nun primeiro momento, co obxectivo final de aloxar todo o seu fondo editorial e así contribuír á difusión do labor investigador e de divulgación que caracteriza ás Universidades.
Como explicaron este martes en rolda de prensa o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, o responsable de Google Búsqueda de Libros, Luis Collado, e o director académico do Servizo de Publicacións da USC, Antonio Azaustre, os títulos volcados na rede respectarán sempre a protección dos dereitos legais que permiten amosar só un máximo do 20 por cento, ademais da portada, contraportada, índices e lapelas. O resto do libro permanecerá oculto para o lector e as partes visibles non poderán descargarse nin imprimirse, ao igual que se fai nas preto de vinte Universidades españolas que xa teñen asinados contratos similares coa empresa norteamericana.
Mentres que a dixitalización das obras é responsabilidade de Google, a comercialización dos volumes dixitalizados ou indexados continuará a cargo da Universidade que en breve activará o servizo de compra por internet con carriño propio a través da súa páxina institucional.
Na rolda de prensa estiveron tamén presentes a directora, o editor e o administrador web do Servizo de Publicacións da USC, Marisa Melón, Juan Blanco e José Ramón Gómez, respectivamente; así como a directora da Biblioteca Xeral da USC, Isabel Casal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2009.