Unha selección de fondos editoriais da USC estará dispoñible en internet a través de Google Books
Parte dos fondos editoriais da Universidade de Santiago –inicialmente prevese preto de 1.000 volumes- estarán dispoñibles en internet a través da ferramenta Google Books, segundo un acordo recente entre as dúas entidades que permitirá difundir na rede unha importante selección dos libros que edita a institución docente.
Como explicarán este martes 10 en rolda de prensa (ás 11:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca) o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e o responsable de Google Búsqueda de Libros, Luis Collado, os títulos volcados na rede respectarán sempre a protección dos dereitos legais que permiten amosar só un máximo do 20 por cento. Por outra banda, a comercialización dos volumes dixitalizados ou indixados continuará a cargo da USC e en breve poderase facer tamén pola súa propia páxina institucional así como pola de Google Books mediante un carriño de compra.