Ir o contido principal

As seleccións española e italiana de karate preparan os próximos campionatos do mundo en Compostela

O reitor Antonio López visitou as seleccións que están a adestrarse nas instalacións deportivas da USC. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López visitou as seleccións que están a adestrarse nas instalacións deportivas da USC. FOTO: Santi Alvite
Integrantes da selección galega súmanse aos dous conxuntos de deportistas nos adestramentos que desenvolven nas instalacións deportivas da USC

As seleccións española e italiana de karate están concentradas esta semana nas instalacións deportivas da Universidade de Santiago de Compostela, preparando dúas citas de máximo nivel. Por un lado o Campionato do Mundo Cadete, Júnior e Sub-21; que se celebrará en Jessolo (Italia) no mes de outubro, e por outra banda o Campionato do Mundo Absoluto por Equipos, que terá lugar en Pamplona no mes de novembro.

Aos equipos español e italiano sumarase a participación da selección galega de karate das categorías cadete, júnior, sub-21 e sénior, ademais dos integrantes do Grupo de Seguimento de Kumite de categoría xuvenil. En total son 75 persoas (22 da selección española, 18 da selección italiana e 35 da selección galega) as que adestran no Polideportivo da USC, en xornadas de mañá e tarde, baixo a dirección dos seleccionadores Iván Leal (España), Ángel Luis Chaves (España), Gennaro Talarico (Italia) e Ruth Lorenzo (Galicia).

Estas concentracións no campus da Universidade profundan na apertura dos espazos da USC, achegándoos á sociedade e a aqueles colectivos deportivos que o precisan, nun contexto, o do campus, que ofrece diversas posibilidades, como zonas verdes e outros servizos asociados, como o Servizo Universitario de Residencias ou diversas instalacións deportivas. Isto entroncaría ademais co fomento da práctica deportiva como elemento transversal do proceso de ensino-aprendizaxe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2024.