Ir o contido principal

A Semana da Ciencia no Campus de Lugo inclúe a proxección dun documental sobre as paisaxes europeas o martes na Escola de Maxisterio

Co gallo da celebración da Semana da Ciencia no Campus de Lugo, o Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado acollerá este martes, día 20, a proxección do documental “Los Campos de Demeter. Las estaciones en el paisaje de la cultura europea”. Despois da proxección, que comezará ás 19:00 horas e ten unha duración de 45 minutos, haberá un breve coloquio.
Este documental está producido polo Proxecto ECL (Our Common European Cultural Landscape Heritage) baixo o programa Culture 2000 da Unión Europea. Este é un proxecto no que participa a Universidade de Santiago de Compostela.
Este traballo trata de mostrar a influencia do ser humano nas paisaxes naturais de Europa a través dunha viaxe pola diversidade, as dinámicas e os retos das escenas culturais que forman o contorno habitual das persoas. Os lugares polos que transcorre este documental van dende as Illas de Aran (Irlanda) ata o Val Alto do Vara (Italia), pasando pola Ribeira Sacra en Galicia e outros países europeos.
Recentemente foi galardoado no Festival CINEECO 2007, celebrado en Seia (Serra de Estrela, Portugal), co Premio de Educaçao Ambiental e o Premio Especial do Xurado CINEECO em Movemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2007.