Ir o contido principal

A semana da Economía Circular na USC achega un modelo económico “por e para as persoas”

Eva López Barrio durante a súa intervención no econtro
Eva López Barrio durante a súa intervención no econtro
Ao Encontro Universidade-Empresa que se desenvolve os días 25 e 26 de outubro en Ciencias Económicas e Empresariais engádese a quinta edición da Feira de Emprendedoras de Compostela que se levará a cabo o venres 27 no marco dos principios da Axenda Urbana 2030
Santiago de Compostela

USC, Concello de Santiago e o Grupo de Traballo de Economía Circular WAS (Woman Action Sustainability) poñen en marcha os días 25 e 26 de outubro, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o Encontro Universidade-Empresa sobre Economía Circular co obxectivo de fomentar o diálogo entre empresas e entidades con estudantado e persoal investigador especialista nesta materia. Ademais, a través do Concurso Retos WAS Circulamos-USC, o alumnado poderá achegar a súa visión e aplicar os seus coñecementos a retos reais de diferentes empresas e entidades. A este programa de actividades súmase tamén o venres 27 a Feira de Emprendedoras de Compostela que se desenvolverá a partir das 10.00 horas no Centro Sociocultural O Ensanche. Esta quinta edición lévase a cabo no marco dos principios da Axenda Urbana 2030 e céntrase no debate sobre un modelo económico pensado por e para as persoas, tal e como apuntan dende a organización

Eva López Barrio, coordinadora de Woman Emprende; María del Rosario Vidal Lopo; vicedecana de Ciencias Económicas e Empresariais; Isabel L-Rivadulla Sández, vicepresidenta de Women Action for Sustainability; e María Rozas Pérez, primeira tenente da alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela foron as encargadas de inaugurar este mércores 25 o Encontro Universidade-Empresa sobre Economía Circular. “Teremos a oportunidade de analizar con persoas expertas na materia e con responsables de grandes entidades como Alcampo, Saica Natur, Grupo Sener, Zara,  Acciona, Repsol, L’Oreal , ou Clic Recycle, entre outras, o xeito no que estas empresas van mudando os seus modelos de negocio para afrontar os retos que supón traballar dentro dun modelo de Economía Circular”, explicou Eva López Barrio.

Ademais a iniciativa conta co lanzamento de retos ao alumnado universitario En concreto, nove empresas e entidades expoñen outros tantos retos relacionados coa súa actividade e vinculados á Economía Circular para que o estudantado poida achegar a súa particular ollada. Os equipos poden formarse de forma individual e colectiva e non é necesario pertencer á mesma facultade xa que son temas que poden tratarse de forma transversal. Entregaranse dous premios económicos para os/as gañadores/as de 700 euros para o primeiro premio e 300 para o segundo. A presentación realizarase o dia 26 de outubro ás 10.00 horas no Salón de Graos da Facultade e cada exposición terá unha duración de cinco minutos.

Feira

Finalmente, o venres 27 de outubro desenvolverase un ano máis a Feira de Emprendedoras de Compostela no Centro Sociocultural O Ensanche. Este foro servirá dende as 10.00 horas para amosar produtos baseados nun modelo de Economía Circular e contará en quenda de tarde con obradoiros gratuítos de creación de servizos e produtos de deseño dentro dun modelo de Economía Circular. A Feira será inaugurada polo reitor Antonio López e pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

O Concello de Santiago e a Universidade colaboran e impulsan unha nova edición deste espazo expositivo no marco dos principios da Axenda Urbana 2030, centrado “no debate sobre un modelo económico pensado por e para as persoas”, explica a responsable de Woman Emprende, Eva López Barrio. A feira poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2023.