Un seminario en Bioloxía exporá algúns dos resultados e ferramentas acadadas por Biodiv_GNP na conservación de flora ameazada
O proxecto Biodiv-GNP (Biodiversidade Vexetal Ameazada Galicia-Norte de Portugal) presentará parte dos seus resultados, así como das ferramentas obtidas para a mellora da situación das especies ameazadas, nun obradoiro que se celebrará a vindeira semana, o venres 12, na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. Biodiv_GNP traballa no inventariado da biodiversidade vexetal ameazada de Galicia e o Norte de Portugal, en definir aqueles espazos transfronteirizos máis importantes para a conservación presente e futura e na creación dunha plataforma conxunta e permanente de xestión que inclúa e beneficie á cidadanía. Cunha inversión de 654.684,57€, o proxecto está confinanciado con 491.013,43€ polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 a través de fondos FEDER da UE. No seminario revisaranse os contidos do Atlas e Libro Vermello de Flora Ameazada de Norte de Portugal, Galicia e territorios limítrofes, que recolle moitos dos resultados do proxecto, revisando a metodoloxía empregada. Ademais, os/as participantes coñecerán o contido e estruturación das fichas descritivas das especies ameazadas e endémicas da rexión, a análise das principais causas de ameaza e a avaliación da rede de espazos protexidos e a súa correspondencia coas áreas de maior importancia para a flora. No programa proposto exporanse iniciativas de conservación que derivan directamente ou en parte dos traballos acometidos co proxecto. Entre outros coñeceranse as memorias técnicas de varios planos de conservación de flora ameazada, a colaboración coa Asociación Galega de Custodia do Territorio para a creación dunha rede microrreservas de xestión privada como apoio á conservación de especies e hábitats sensibles ou os resultados da plataforma colaborativa www.biodiversidade.eu que, con máis de 100 usuarios rexistrados, xa recolle a base de datos de flora ameazada xerada no proxecto, roteiros medioambientais e varios proxectos colaborativos. As persoas interesadas en participar nesta xornada poden solicitar máis información en info [at] biodiversidade.eu (info[at]biodiversidade[dot]eu) ou santiagotec [at] fceer.org (santiagotec[at]fceer[dot]org), así como na páxina web do proxecto.