Ir o contido principal

Un seminario en Económicas debate sobre ‘Spin-off e emprendemento innovador’

Está aberto a todas as persoas interesadas

Con asistencia libre e sen necesidade de inscrición, o seminario ‘Spin-off e emprendemento innovador’ reunirá o vindeiro venres 20 a representantes de Nanogap, La Seta Verde, Allelyus e Galchimia, xunto a expertos da Universidade Nacional de Costa Rica e dos departamentos de Economía Aplicada e de Finanzas e Contabilidade da USC. As distintas sesións do seminario desenvolveranse nas Aulas 7 e 8 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Logo da presentación do encontro que realizará o catedrático Xavier Vence a partir das 11.15 horas, abrirase a quenda de intervencións da man de Sara Fernández, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, cun relatorio sobre as principais barreiras da intencionalidade emprendedora da sociedade galega. Seguiralle David Rodeiro, do mesmo departamento, analizando as necesidades financeiras das spin-off universitarias e os mecanismos de apoio ás unidades. Completando a xornada matinal, o profesor da Universidade Nacional de Costa Rica Leiner vargas intervirá co relatorio ‘A industria do software en Costa Rica: éxito emprendedor dende a universidade’. Xa pola tarde, a partir das 15.30, o xornalista José Luis Gómez falará sobre ‘Emprendedores en Galicia: casos de éxito’, o que dará paso a unha mesa redonda arredor da visión sobre o financiamento que teñen os axentes implicados na creación de spin-off e emprendedores non ligados á Universidade. Intervirán Arturo López, de Nanogap; Ignacio Mielgo, de La Sete Verde; María Dosil, de Allelyus; e Carme Pampín, de Galchimia.

REPENSeI
O encontro organízao a Rede REPENSeI (Regulación, Estratexias e Políticas para a Emerxencia de Novos Sectores Innovadores), rede interdisciplinar (economía, finanzas, dereito, políticas, xenómica e ecoinnovación) para a investigación sobre os factores determinantes da emerxencia de novas actividades innovadoras e para o deseño de estratexias que contribúan á emerxencia de novos sectores, especialmente os baseados na ciencia.

REPENSeI incorpora a grupos líderes na súa disciplina en Galicia, cunha intensa actividade investigadora e científica e de transferencia de resultados igualmente intensa. Son grupos que combinan a capacidade investigadora e labor de publicación co asesoramento ás administracións e as empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2012.