Ir o contido principal

Un seminario da Escola de Negocios Uniemprende afonda nos diferentes elementos responsables dunha comunicación efectiva na organización

A Escola de Negocios Uniemprende organiza o seminario ‘Lentes, compases e ferramentas: a comunicación efectiva na organización’ pensado para profesionais que buscan converterse en comunicadores efectivos capaces de transmitir a súa idea, captar a atención da audiencia e obter resultados positivos e satisfactorios para a súa empresa e os seus clientes.
O programa científico deste curso, cunha carga lectiva de 12 horas, impartirao o consultor de Formación, Comunicación e Desenvolvemento Carlos Hernández Fernández, cunha ampla experiencia profesional previa como formador en habilidades sociais e directivas para entidades como o Mary Ward College, Hay Group ou a farmacéutica Pfizer.
No seminario, a celebrar os días 13 e 14 de febreiro na Aula de Formación do edificio CACTUS, daranse a coñecer habilidades sociais e de comunicación necesarias para desenvolver relacións positivas con outras persoas e reflexionarase sobre actitudes e formas de ver aos demais e como estas inflúen nas relacións sociais e nos estilos de comunicación. Ademais, nas dúas xornadas previstas realizaranse exercicios para practicar e mellorar as citadas habilidades na procura dun clima de traballo positivo e debaterase sobre os distintos aspectos da comunicación en contornos multiculturais.
O prazo de inscrición, cun custe de 60 euros, permanecerá aberto ata o vindeiro día 9 de febreiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2007.