Ir o contido principal

Un seminario na Facultade de Ciencias da Educación analiza aspectos relacionados coa cultura de paz e a resolución de conflitos

‘Cultura de paz e resolución de conflitos’ é o lema dun curso que o Seminario Galego de Educación para a Paz (SEGP) está a organizar ao longo desta semana e a vindeira na Facultade de Ciencias da Educación.
O obxectivo deste encontro é clarificar os conceptos de paz e de conflito ao tempo que afondar na súa compresión nun contorno intercultural. O programa do encontro prestará especial atención tamén á natureza do conflito e as súas tipoloxías, as persoas implicadas e a súa evolución. Completando este conxunto temático, os relatorios incidirán na resolución de conflitos pola vía pacífica e no manexo de diversas dinámicas que axuden a solucionar confrontacións, tales como a análise e comentario de textos, xogos de roles, estudo de casos, contos ou teatro infantil, entre outros.
Os relatorios previstos para este curso impartirannos o presidente do SGEP, Manuel Dios Diz; o coordinador do Centro de Investigación do SGEP, Ángel Iglesias Díaz; e os membros do Seminario, Mª dos Anxos Rodríguez Mourenzá e Moisés Lozano Paz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.02.2007.