Ir o contido principal

O Seminario Galego de Educación para a Paz dedica os seus encontros anuais á pedagoxía dos dereitos humanos

O Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) organiza entre os días 12 e 14 de marzo na Escola Galega de Administración Pública os seus XXIV Encontros que nesta ocasión farán fincapé na pedagoxía dos dereitos humanos. O programa das distintas sesións presentárono este xoves 19 nunha rolda de prensa o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández, e o presidente do SGEP, Manuel Dios.
A directora das Escolas de Paz de Colombia e responsable do Departamento de Dereitos Humanos de Nacións Unidas, Amada Benavides, será quen pronuncia a conferencia inaugural dos encontros, falando sobre ‘Educar para os dereitos humanos e a democracia’. Nesa primeira xornada tamén se celebrará unha mesa redonda na que baixo o lema ‘Da escravitude aos dereitos humanos’ intervirán o vicepresidente da APDH, Luis Acebal, e o filósofo e editor da revista Sin permiso, Antonio Doménech.
Ao día seguinte, o venres 13, as distintas intervencións concentraranse ao redor de dúas mesas redondas nas que se prestará atención a como educar para a paz dende a non violencia e os dereitos humanos e sobre estratexias para fomentar actitudes interculturais e cooperativas nas aulas. Nelas intervirán o catedrático Miguel Ángel Santos Rego e a profesora Beatriz Fernández Herrero, da USC; a profesora da Universidade de Granada Gloria Rojas; e o co-fundador so Seminario Galego de Educación para a Paz, Calo Iglesias Díaz.
O desenvolvemento de obradoiros, a presentación de experiencias concretas no eido de estudo do encontro e a proxección de material audiovisual, serán os protagonistas da derradeira xornada. O maxistrado do Tribunal Supremo, Antonio Martín Pallín será quen poña o broche final aos encontros coa conferencia ‘Xustiza universal e dereitos humanos’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2009.