O Seminario de Historia do Cine da USC homenaxea á investigadora Rita Martín Sánchez
A USC acaba de editar Papeles de cine, obra in memoriam que recolle os traballos realizados pola investigadora Rita Martín Sánchez, colaboradora durante máis de vinte anos do Seminario de Historia do Cine do Departamento de Historia da Arte e que faleceu hai dous anos. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, presidiu este martes 25 a presentación do volume nun acto na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, no que tamén participaron os encargados de compilar os textos presentados no libro, os profesores Luis Hueso e José Mª Folgar, así como a vicedecano do centro Mª Carmen Rodríguez; o director do Departamento, Enrique Fernández Castiñeiras; e a irmá da homenaxeada, Sabela Martín, ademais dun número destacado de integrantes do centro.
Papeles de cine, volume in memorian Rita Martín Sánchez, recolle un total de dezasete artigos asinados pola investigadora –na súa maioría na revista Semata- ben de xeito individual ou en colaboración con outros especialistas do Seminario de Historia do Cine da USC, ademais dun relatorio doutras publicacións asinadas por Martín Sánchez, entre as que se atopan dicionarios, e súa participación en proxectos de investigación e convenios, así como noutras actividades como cursos e seminarios.
Como se puxo de manifesto na presentación, o libro recolle os traballos da investigadora de maneira que quedara unha testemuña do labor desenvolvido de forma continua durante moitos anos, de gran diversidade “pero dotados dun indubidable intereses que, en moitas ocasións vai máis alá da orixinalidade do tema abordado para incidir radicalmente nunha actitude de amplitude cultural”, subliña Luis Hueso na introdución.
No seu conxunto, o texto tenta reflectir a personalidade da homenaxeada deixando constancia do papel ocupado polo cine, entendéndoo “non tanto como manifestación técnica senón como soporte que lle permite coñecer mellor aspectos concretos da sociedade na que xurdira determinada película, posto que ela sempre reivindicaba a súa formación e espírito de historiadora”, lembra Luis Hueso. Inquieta, de mente aberta, polifacética e traballadora en equipo son algúns dos trazos que, en opinión do catedrático, definían o carácter de Rita Martín.
Francisco Durán, Xosé Nogueira, José Mª Folgar e Isabel Sempere engaden ao relato científico presente no libro a pincelada máis persoal e emotiva respecto da homenaxeada xa desaparecida hai dous anos, pero aínda “ presente como un acicate para facer as cousas ben, algo ao que nunca renunciou na súa vida por moitos desgustos e esforzos que isto lle supuxera”. A presentación celebrouse na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia cunha ampla representación de integrantes do centro. Foto (Alfonso-Servimav)