Ir o contido principal

O seminario 'Integrando Proxectos Europeos no Ensino e na Aprendizaxe' abriu destacando a inversión da UE en educación

Enmarcado no Proxecto Comenius IEPTL, no encontro analízanse os mellores proxectos de investigación sobre calidade docente

O seminario internacional ‘Integrando Proxectos Europeos no Ensino e na Aprendizaxe’ comezou este xoves no Colexio de Fonseca da USC destacando a forte inversión da Unión Europea en proxectos que melloren a calidade educativa.
No acto de inauguración participaron a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso Fernández; o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez Vázquez; o director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobio; a profesora da Facultade de Educación Carmen Fernández Morante; e Anne Guilleran do Servizo Central de Apoio para eTwinning, quen falou sobre o portal eTwinning destinado a facilitar ferramentas informáticas ás escolas europeas para que participen nestes novos proxectos educativos.
Como peche da sesión matinal, varios expertos expuxeron os mellores resultados obtidos a través de proxectos Sócrates, centrados na investigación educativa tanto no eido escolar como na formación do profesorado. Xa pola tarde, o seminario segue abordando as boas prácticas en materia educativa obtidas a través destas iniciativas europeas.
En xeral, este encontro, enmarcado no Proxecto Comenius IEPTL, ten como obxectivo identificar os puntos débiles da educación europea e ofrecer exemplos a seguir tendo en conta o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.
Proxecto ComeniusFinanciado pola Comisión Europea, o Proxecto Comenius IEPTL coordínao o Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia e o CPI O Cruce.
Ademais deste seminario internacional, no marco deste proxecto crearase unha rede internacional de profesores para facilitar a súa formación e unha guía práctica que achegue aos interesados as boas prácticas destinadas mellorar a calidade da educación en Europa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2007.