Un seminario internacional en Dereito debate sobre os instrumentos penais de loita contra a corrupción en España, Italia e Portugal
O seminario internacional ‘Corrupción pública e reforma penal’ analizará este xoves 25 e o venres 26 os instrumentos penais de loita contra a corrupción en perspectiva internacional, concretamente tomando en consideración os casos de España, Portugal e Italia. Esta é unha actividade organizada polo Instituto de Criminoloxía e o Centro de Investigaçao em Justiça e Governaçao.
O programa comezará este xoves ás 10.30 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito cunha primeira sesión dedicada especificamente á relación entre dereito penal e a política anticorrupción. Pola tarde, as dúas mesas de debate previstas desenvolveranse baixo o lema ‘Vellas figuras para novas formas de corrupción: os límites do suborno e do tráfico de influencias’. O venres 26 a quenda de intervencións principiará falando sobre o control da corrupción nos entes públicos económicos e continuará tratando o comiso e a recuperación de activos produto da corrupción pública. O profesor Luigi Foffani, da Universidade de Módena e Reggio Emilia, pronunciará a conferencia de clausura a partir das 18.30 horas.