Ir o contido principal

Seminario de Matemática Aplicada sobre os avances en Modelos de Orde Reducida

Seminario de Matemática Aplicada sobre os avances en Modelos de Orde Reducida
Seminario de Matemática Aplicada sobre os avances en Modelos de Orde Reducida

O Departamento de Matemática Aplicada en colaboración co Instituto de Matemáticas da USC están a organizar seminarios periódicos nos que se combinan as exposicións realizadas polos investigadores do departamento coas de investigadores convidados a fin de compartir os últimos avances na materia e impulsar colaboracións entre investigadores de diversas especialidades.

O seminario desta semana terá lugar este xoves 19 ás 11.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas e será retransmitido por videoconferencia ao campus de Lugo. Nel cóntase coa participación do profesor Gianluigi Rozza do SISSA International School for Advanced Studies (Trieste, Italia), que falará das últimas novidades no campo de Modelos de Orde Reducida (MOR), modelos que permiten reducir os tempos de cálculo en procesos de optimización adecuándoos aos tempos de resposta requiridos no mundo da industria.

Concretamente, no seminario analizarase a súa aplicación a problemas de dinámica de fluídos prestando especial atención aos procedementos de mostraxe, ao método de elementos espectral, ás bifurcacións Hopf, á análise de estabilidade, á determinación das cotas de erro e aos custos computacionais.

As colaboración entre a USC e o SISSA, no marco do proxecto Métodos numéricos eficientes en dinámica de fluídos e interacción fluído-estrutura. Aplicacións á enerxía e ao medio ambiente e no grupo de investigación en Enxeñaría Matemática , céntrase no desenvolvemento dun modelo matemático que permita a optimización de estruturas complexas como serían os aeroxeradores. Os MOR permitirán analizar a produtividade do dispositivo para diversas configuracións xeométricas facilitando o proceso de deseño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2016.