O Seminario Mulleres e Universidade da USC clausura este venres a actividade 'Mulleres Nobel en Fisioloxía e Medicina'
O Seminario Mulleres e Universidade da USC pecha este venres 20 a actividade ‘Mulleres Nobel en Fisioloxía e Medicina. Unha visión non sexista da ciencia’ coa que unha vez máis, e no marco da semana da Ciencia, pretende visibilizar o papel da muller e fomentar o principio de igualdade de oportunidades no ámbito científico.
A clausura terá lugar no CIBUS (Campus Sur) ás 16:00 horas cunha mesa redonda sobre as achegas científicas das Premio Nobel Rosalyn Yalow e Christine Nússlein-Volhard. Unha vez rematado o debate proxectarase unha entrevista coa laureada do ano 1986 Rita Levi-Montalcini.
Coa pretensión de dar a coñecer a biografía e o traballo de investigación realizado polas premiadas, o programa consistiu nunha exposición interactiva e diversos debates sobre as Nobel e o seu traballo.
Todas as actividades buscaban compatibilizar o rigor científico coa divulgación dos resultados da investigación obtidos, facendo especial incidencia na relevancia á aplicación práctica, relacionando actividade investigadora coas súas repercusións na vida cotiá.