Ir o contido principal

O Seminario Pensando o Novo Cinema Galego abordará o audiovisual contemporáneo na Facultade de Filosofía en Compostela

Cartel das xornadas, que serán de entrada libre ata completar o aforo
Cartel das xornadas, que serán de entrada libre ata completar o aforo
Margarita Ledo, Alberte Pagán, Beli Martínez ou Jaime Pena, abordarán as novas estéticas cinematográficas galegas nunhas xornadas de entrada libre os días 14 e 15

O Centro de Estudos Fílmicos da USC (CEFILMUS) e o proxecto de investigación PERFORMA (O teatro fóra do teatro. Performatividades contemporáneas na era dixital) organizan o xoves 14 e o venres 15 o Seminario ‘Pensando o novo cinema galego. Achegamentos estéticos e multidisciplinares ás formas contemporáneas do audiovisual galego’. As conferencias, abertas ao público, tentarán analizar en profundidade e someter a pensamento crítico o recente fenómeno audiovisual que se veu dando en Galicia, co xurdimento, toda a década pasada, dunha produción cinematográfica que o equipo promotor do encontro considera sen precedentes cualitativos nin cuantitativos.

O seminario transcorrerá no Salón de Actos da Facultade de Filosofía e arrinca coa intervención da catedrática Margarita Ledo Andión para falar sobre feminismo e performatividade no Novo Cinema Galego. A continuación, Fernando Redondo Neira coa conferencia ‘As marcas do procesual nos límites da experimentación do NCG’ e Iván Villarmea con ‘Políticas da representación no NCG: da estética da resistencia ao Zeitun’, completarán a sesión do xoves pola mañá. Xa pola tarde serán Sara Donoso, coa conferencia ‘Cine, paisaxe e pintura’ e Julio Vilariño, con ‘Habitar un espazo. A construción do lugar no cinema galego’, quen aborde a relación entre o imaxinario cinematográfico e o territorio.

O programa do venres desprázase a primeira hora ao cinema NUMAX, onde o cineasta Cris Lores presentará Proxecto remolque. A continuación, Filosofía de novo acolle o relatorio de Lara Rozados sobre espazos okupados, desaloxados e re-significados a través das imaxes, e a continuación ‘Umha nuvem de mosquitos’, de Alberte Pagçan. Xa pola tarde, alén da presentación do programa Curtocircuíto, na que xa é a súa décimo cuarta edición, Beli Martínez falará sobre as coordenadas que permiten situar a xeración do Novo Cinema Galego, e por último, o doutor en Historia da Arte e crítico cinematográfico Jaime Pena falará sobre ‘Espazos da memoria, espazos da ausencia’. As xornadas son abertas para calquera persoa interesada e de balde, e están recoñecidas dentro das actividades formativas do doutoramento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2017.