Ir o contido principal

Un seminario profunda na inmigración, os mercados laborais e o traballo doméstico urbano na Europa contemporánea

Un seminario profunda na inmigración, os mercados laborais e o traballo doméstico urbano na Europa contemporánea
Un seminario profunda na inmigración, os mercados laborais e o traballo doméstico urbano na Europa contemporánea

Coordinado polo catedrático de Historia Moderna da USC Isidro Dubert, a Biblioteca do Consello da Cultura Galega acolle esta semana o Coloquio Internacional ‘Inmigración, mercados laborais e traballo doméstico urbano en Europa, séculos XVIII-XX. Unha perspectiva comparada’, que servirá para profundar no coñecemento das claves do mundo urbano europeo dende unha perspectiva integrada e comparada na media e longa duración. No encontro, organizado pola USC e a Casa de Velázquez en colaboración do Consello da Cultura, participan investigadores pertencentes a unha ducia de universidades e institutos de investigación europeos tales como a Université de Paris, a degli Studi di Urbino, a Nova de Lisboa, a Complutense, a de Barcelona, a de Granada, a de Génève, o C.N.R.S. francés ou a E.H.E.S.S. de París. Nas diferentes sesións os asistentes procederán ao intercambio de resultados, experiencias de traballo e metodoloxías arredor da vinculación histórica que houbo entre a inmigración, as dinámicas demográficas, os mercados laborais e o traballo doméstico urbano. Presentaranse e discutiranse cuestións relativas á relación entre o funcionamento dos distintos modelos migratorios campo-cidade e as diferentes dinámicas sociolaborais urbanas; o papel xogado polos mercados de traballo na renovación das estruturas demográficas urbanas; a interacción entre a inmigración, as lóxicas de traballo doméstico e o funcionamento dos mercados laborais; ou a relación establecida entre a inmigración, a integración sociolaboral e a mobilidade social/ocupacional desenvolvida no ámbito urbano, entre outras moitas. A inauguración tivo lugar este xoves nun acto no que participaron o vicerreitor de Cultura, Estudantes e Formación Continua da USC, Francisco Durán; o director da Casa de Velázquez, Jean-Pierre Étienvre; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e a profesora da USC Ofelia Rey, ademais do propio coordinador do encontro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2013.