Ir o contido principal

Un seminario reflexiona sobre a importancia e o impacto das ecoetiquetas

O seminario enmárcase dentro do proxecto Neptunus que ten como obxectivo principal promover o desenvolvemento sostible do sector pesqueiro. FOTO: Santi Alvite
O seminario enmárcase dentro do proxecto Neptunus que ten como obxectivo principal promover o desenvolvemento sostible do sector pesqueiro. FOTO: Santi Alvite
O foro está organizado polo grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC, impulsor do selo Pescaenverde para dar a coñecer a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético do sector pesqueiro
Santiago de Compostela

O grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC (BioGroup), pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), organizou este martes 25 un foro sobre a importancia e impacto das ecoetiquetas no consumo. O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, inaugurou o este seminario xunto á conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo. O BioGroup ten creado ferramentas como o selo Pescaenverde para dar a coñecer a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético do sector pesqueiro.

Ao longo da xornada, diferentes especialistas analizaron cuestións como o impacto no mercado das ecoetiquetas, a mellora da eficiencia enerxética na flota pesqueira, o impacto ambiental do procesado de atún en conserva e o seu posible ecoetiquetado, ou a orixe e retos das certificacións, ecoetiquetados e programas de mellora pesqueira, entre outros temas.

O seminario enmárcase dentro do proxecto Neptunus que ten como obxectivo principal promover o desenvolvemento sostible do sector pesqueiro na área Atlántica mediante a implantación nunha metodoloxía para a ecoetiquetaxe dos produtos do mar e a definición de estratexias de ecoinnovación baixo un enfoque de economía circular. Ademais pretende facilitar ferramentas para a eficiencia dos recursos, baseadas no pensamento do ciclo de vida, incorporando a produtores, consumidores e xestores públicos no proceso de toma de decisións.

Esta iniciativa conta con once socios de cinco países —España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda—, e está coordinado pola Universidade de Cantabria co apoio de entidades galegas como USC, a Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética e Anfaco-Cecopesca. A maiores, conta coa colaboración de dezasete entidades asociadas, como a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2022.