Ir o contido principal

O seminario Resclima I propón un debate sobre a incidencia do cambio climático na cultura científica e común

Logo da súa ampliación, o prazo para a presentación de resumes remata o próximo 30 de setembro

O seminario internacional Resclima I (Respostas Educativas e Sociais ao Cambio Climático) amplía ata o 30 de setembro o prazo para a presentación de resumes. As persoas interesadas deberán enviar un resume ao correo seminario [at] resclima.info (seminario[at]resclima[dot]info). Este seminario internacional desenvolverase na Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida o vindeiro mes de decembro. A súa celebración creará un espazo para indagar e reflexionar sobre a incidencia do cambio climático no marco da cultura científica e a común. Segundo os seus promotores, o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea), o coñecemento xerado será fundamental para mellorar o deseño de programas e accións educativas e comunicacionais máis eficaces. A finalidade última é converter o cambio climático nunha cuestión socialmente relevante e motivar a cidadanía para que demande e protagonice políticas de resposta máis ambiciosa. O programa do encontro está aberto á participación dos investigadores e investigadoras que poderán achegar as súas comunicacións sobre algúns dos bloques temáticos en que se articula o encontro: representacións sociais e discursos sobre o cambio climático; tratamento do cambio climático nos medios de comunicación; o cambio climático no currículo escolar; cambio climático e saberes tradicionais; valoración social do risco; procesos de comunicación sobre o cambio climático; ou condicións e barreiras nas respostas políticas e sociais ao cambio climático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2014.