‘Sen xornalistas non hai xornalismo’
‘Sen xornalistas non hai xornalismo. Sen xornalismo non hai democracia. Pola liberdade de prensa’ é o lema da xornada que se desenvolveu na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago con motivo da conmemoración o 3 de maio como día da Liberdade de Expresión. Promovido polo propio centro universitario e a Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela como integrante da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), o acto central desta xornada foi a lectura dun manifesto no q se realizou un “chamamento aos poderes e institucións públicas e á sociedade en xeral para que defendan e promovan a liberdade de prensa, como garantía imprescindible da democracia”. A lectura do manifesto serviu para poñer de relevo a confluencia do momento actual cunha “ grave crise do sector xornalístico”, traducido na perda de 6.000 empregos nos últimos catro anos, “ o peche de decenas de medios, o aumento do intrusismo, a precariedade laboral xeralizada e o acoso dos poderes ao traballo xornalístico”. Ante a presenza dun nutrido grupo de futuros profesionais, o manifesto vincula o fortalecemento da defensa da liberdade de expresión ao “exercicio responsable do xornalismo polos xornalistas e editores, baseado no estrito cumprimento das normas éticas e deontolóxicas e en valores como a integridade e o rigor profesional”. Xornada lúdica Con anterioridade a esta lectura, estudantes de primeiro curso de Comunicación Audiovisual presentarán os seus traballos nunha sesión no Auditorio da Facultade. Ademais, no acceso ao centro, desenvolveuse un concerto de Efecto Pygmalion. A xornada complétase coa celebración a partir das 16.30 horas da festa XorCav, organizada por estudantes de terceiro de Xornalismo e de Comunicación Audiovisual e na que desenvolven diversas competicións de videoxogos, unha gala onde se amosan os traballos de estudantes e unha festa con grupos musicais de estudantes.