Senén Barro asiste en Praga á quinta convención da Asociación Europea de Universidades
As estratexias para as universidades europeas nun tempo de cambios globais como o actual serán o eixo da quinta convención que a Asociación Europea de Universidades (EUA) celebra a partir deste xoves en Praga e á que asiste o reitor compostelán, Senén Barro.
Como antes en Salamanca (2001), Graz (2003), Glasgow (2005) e Lisboa (2007), a Convención en Praga dará ás universidades a posibilidade para influír na orde do día da política europea nun momento particularmente crucial para a ensinanza superior e a investigación, como é o remate da primeira fase do proceso de Bolonia.
A convención prodúcese xusto antes da reunión ministerial de Bolonia deste ano que establecerá os contornos da área europea da educación superior e de investigación e definirá prioridades para a década ata 2020. Precisamente nesa xuntanza ministerial o Consello da EUA entregará a Declaración de Praga que sairá do debatido estes días na capital checa.