Ir o contido principal

Senén Barro fala en Madrid de cooperación e emprendemento nun encontro de reitores iberoamericanos e rusos

‘Cooperación en emprendemento universitario’ é o título do relatorio que o reitor da USC, Senén Barro, pronunciará este luns, 2 de marzo, no transcurso do Encontro Iberoamérica-Rusia que organiza a Conferencia de Reitores de Universidades Europeas (CRUE).
A intervención do reitor compostelán enmárcase nunha mesa redonda sobre as fortalezas e debilidades da cooperación universitaria entre esas dúas zonas de influencia. A este debate súmanse outros dous sobre o papel das Universidades no impulso á difusión das linguas rusa e española e as novas accións para fomentar a súa ensinanza.
O encontro inaugurarano o secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta; o ministro de Educación e Ciencia de Rusia, Andrei Fursenko; o presidente da CRUE e reitor da Universidade Autónoma de Madrid, Ángel Gabilondo; e o presidente da Unión de Reitores de Rusia, vicepresidente da Academia da Ciencia de Rusia e reitor da Universidade Estatal M. Lomonosov de Moscú, Víktor A. Sadóvnichi. Á clausura está prevista a asistencia da ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2009.