Ir o contido principal

Senén Barro falou en Madrid de cooperación e emprendemento nun encontro de reitores iberoamericanos e rusos

‘Cooperación en emprendemento universitario’ é o título do relatorio que o reitor da USC, Senén Barro, pronunciou este luns, 2 de marzo, no transcurso do Encontro Iberoamérica-Rusia que organiza a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE).
A intervención do reitor compostelán estaba enmarcada nunha mesa redonda sobre as fortalezas e debilidades da cooperación universitaria entre esas dúas zonas de influencia. A este debate sumáronse outros dous sobre o papel das Universidades no impulso á difusión das linguas rusa e española e as novas accións para fomentar a súa ensinanza.
Barro subliñou á necesidade de poñer en valor a produción científica realizada polos investigadores universitarios para a súa transferencia á sociedade, como vía para mellorar o benestar social e como camiño para a xeración de riqueza. Neste senso, puxo de relevo o intenso compromiso das institucións universitarias a prol do emprendemento.
Na súa intervención, o reitor compostelán referiuse tamén aos mecanismos actuais cos que contan as universidades para fomentar a capacidade emprendedora das universidades, tanto en España como no espazo europeo e iberoamericano, tales como a Rede Emprendia, Uninvest, I+D Unifondo ou a Rede Internacional de Incubadoras Universitarias. Completando a exposición, Barro fixo un percorrido pola situación da I+D+i española, analizando fortalezas e debilidades, e poñendo a atención naqueles aspectos a potenciar e noutros que necesitan unha destacada mellora.
O encontro inaugurouno o secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta; o ministro de Educación e Ciencia de Rusia, Andrei Fursenko; o presidente da CRUE e reitor da Universidade Autónoma de Madrid, Ángel Gabilondo; e o presidente da Unión de Reitores de Rusia, vicepresidente da Academia da Ciencia de Rusia e reitor da Universidade Estatal M. Lomonosov de Moscú, Víktor A. Sadóvnichi. Á clausura está prevista a asistencia da ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2009.