Senén Barro participou en Barcelona no seminario de presentación do Informe sobre a Educación Superior en Iberoamérica
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, participou, na Universidade Politécnica de Cataluña, no seminario ‘Educación Superior en Iberoamérica’. A súa intervención centrouse en investigación e desenvolvemento. O reitor de Santiago compartiu mesa co consultor de CINDA da Pontificia Universidade Católica de Chile, Luís Eduardo González.
No seminario presentouse o informe 2007 elaborado polo Centro Interuniversitario de Desenvolvemento (CINDA), institución académica internacional cuxo propósito é a realización de estudos, a cooperación entre as universidades membros e a promoción de innovacións institucionais. As liñas xerais do informe foran definidas na reunión de reitores das Universidades afiliadas a CINDA cun grupo de expertos que tivo lugar hai agora un ano na Universidade de Santiago de Compostela.
O informe reúne nun só volume a información máis recente dispoñible sobre algunhas dimensións clave dos sistemas de educación superior en quince estados iberoamericanos, entre eles España, que no seu total representan o 92,7% da matrícula de educación superior en Iberoamérica. Analiza, de xeito comparativo con outros cinco países de fóra do ámbito de estudo, os desafíos, a plataforma institucional dos sistemas, o acceso e oportunidades, a formación de capital humano avanzado, o papel da universidade nas actividades de investigación e desenvolvemento, o financiamento, goberno e xestión e o aseguramento da calidade.