Ir o contido principal

Senén Barro preside a delegación española do encontro bilateral entre reitores de universidades españolas e portuguesas

O reitor da USC, Senén Barro, preside a delegación española que este xoves 30 vai participar en Coimbra nun encontro bilateral entre a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e o Consello de Reitores de Universidades Portuguesas (CRUP).
A xornada, que permitirá avanzar na creación dun espazo ibérico do coñecemento no campo da investigación así como no establecemento doutras formas de colaboración entre España e Portugal no ámbito educativo, comezará cun seminario na Universidade de Coimbra sobre ‘Garantía de Calidade e Acreditación’. Xa pola tarde a CRUP e a CRUE continuarán cunha quenda de traballo específica sobre cuestións relacionados co EEES, o Espazo Ibérico do Coñecemento e outras aspectos alusivos á transferencia de tecnoloxía.
Na inauguración do seminario matinal e representando á delegación portuguesa, estarán presentes o ministro de Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior, Mariano Gago, e o presidente do CRUP, Fernando Seabra Santos. O programa previsto facilitará o intercambio de puntos de vista e experiencias en materia de avaliación dos sistemas de calidade e acreditación, avances europeos na garantía de calidade ou sobre o papel dos estudantes no proceso de avaliación, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2009.