Ir o contido principal

Senén Barro presidiu a delegación española do encontro bilateral entre reitores de universidades españolas e portuguesas

Senén Barro preside a delegación española que asiste a este encontro bilateral
Senén Barro preside a delegación española que asiste a este encontro bilateral

O reitor da USC, Senén Barro, presidiu este xoves a delegación española que participa en Coimbra nun encontro bilateral entre a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e o Consello de Reitores de Universidades Portuguesas (CRUP) para debater sobre a creación dun Espazo Ibérico do Coñecemento no campo da investigación e promover novas formas de colaboración entre os dous países en materia de educación.
No acto de apertura Barro aplaudiu a organización do encontro dedicado á calidade e a acreditación, “cuestión sempre pertinente” que se atopa, advertiu, entre as medidas de éxito das universidades europeas e entre as dez “máis importantes para as universidades do Espazo Europeo de cara á seguinte década”.
Á inauguración, e representando á delegación portuguesa, asistiron o ministro de Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior, Mariano Gago, e o presidente do CRUP, Fernando Seabra Santos. O ministro portugués lembrou o reto fundamental europeo apuntado na Conferencia de Lovaina que marca o ano 2020 para que un 20% dos alumnos realicen parte da súa formación en países do Espazo Europeo diferentes ao seu de orixe.
Intercambio de experienciasO programa previsto contempla o intercambio de puntos de vista e experiencias en materia de avaliación dos sistemas de calidade e acreditación, avances europeos na garantía de calidade ou sobre o papel dos estudantes no proceso de avaliación, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2009.