Ir o contido principal

Sensibilización medioambiental desde a Serra do Xistral

Cartas de hábitats singulares da Serra do Xistral
Cartas de hábitats singulares da Serra do Xistral
Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC implicados no proxecto Life in Common Land dan conta da biodiversidade da Serra do Xistral e alertan dos perigos que ameazan as principais especies de flora e fauna a través dunha ‘baralla’ plurilingüe e con rigor científico dirixida a todos os públicos
Lugo

A Serra do Xistral e as diversas especies de flora e de fauna que conforman a rica biodiversidade deste conxunto de montañas alomadas do norte da provincia de Lugo mudarán, cando menos de forma imaxinaria, a súa ubicación física e xeográfica para dar o salto ás aulas dos centros educativos da contorna e tamén a centenares de fogares, a través dunha ‘baralla’ didáctica e plurilingüe elaborada polos investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC implicados no proxecto Life in Common Land, un programa europeo liderado pola Deputación Provincial de Lugo e no que tamén participa a UDC.

O xogo de cartas ideado polo enxeñeiro de Montes pontevedrés e técnico deste Life Natureza, César Agustín Blanco Arias, e materializado grazas ás achegas dos profesores e investigadores dos departamentos de Botánica e Produción Vexetal da USC, Ramón Díaz Varela e Emilio Díaz Varela, respectivamente, antóllase como unha alternativa apropiada para afondar no coñecemento, na preservación e na posta en valor da biodiversidade deste enclave montañoso pertencente á Rede Natura 2000, xestionado na súa maior parte por Comunidades de Monte en Man Común,  e que se estende por unha superficie de preto de 23.000 hectáreas entre os municipios lugueses de Abadín, Alfoz, Cervo, Mondoñedo, Muras,  O Valadouro, Ourol, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove, ademais de As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña.

O proxecto In Common Land, un programa co financiado polo instrumento financeiro Life da UE, conta cun financiamento global superior aos dous millóns de euros para o quinquenio 2017-2022, responde aos obxectivos dun programa colaborativo orientado a reverter as diversas ameazas que afectan aos distintos hábitats da Serra do Xistral, perigos entre os que se atopan o abandono dos usos tradicionais como o pastoreo, o que depara alteracións na composición e na configuración da paisaxe, a escaseza de directrices definidas de xestión medioambiental, a degradación de hábitats por mor da actividade humana, a incidencia do cambio climático e o progresivo despoboamento destas áreas.

Unha das chaves do proxecto é o emprego de ferramentas colaborativas capaces de establecer sinerxías entre os Montes Veciñais en Man Común, as administracións e a sociedade en xeneral, accións todas elas encamiñadas a favorecer o desenvolvemento económico e a conservación medioambiental en zonas de gran valora ecolóxico.

Difusión e posta en valor da biodiversidade

A difusión e posta en valor da biodiversidade medioambiental da Serra do Xistral, a fin de contribuír á súa posterior preservación, é tamén un dos cometidos do xogo de cartas elaborado polos investigadores da EPSE implicados no Life in Common Life. “A baralla deseñada está formada por preto de 70 tarxetas con información sobre as características dos diferentes hábitats da Serra do Xistral, así como por cartas específicas de cada especie de fauna e flora”, relata César Agustín Blanco Arias, ao tempo que engade que toda a información está recollida en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

A metodoloxía deste xogo, recomendado para todas as persoas a partir dos 5 anos de idade, é sinxela e baséase na asociación entre especies, hábitats naturais e principais ameazas e perigos. ´Estamos a falar dunha ferramenta sinxela, que entendemos que pode servir para sensibilizar a todos os públicos sobre a necesidade de protexer e conservar a biodiversidade, ademais de incorporar o elemento lúdico”, comenta César, quen precisa que os retos aos que deben enfrontarse os xogadores pasan por garantir a conservación das especies de flora e fauna nos hábitats máis singulares da Serra do  Xistral ou protexer especies raras e máis vulnerables para facer máis ‘biodiversos’ os ecosistemas.

O principal promotor desta modesta, aínda que innovadora proposta de divulgación e sensibilización medioambiental, comentou que a edición en papel do xogo de cartas sobre a biodiversidade da Serra do Xistral sairá do prelo en xuño. Ante a situación excepcional propiciada por mor da pandemia provocada pola COVID-19, os investigadores do Life in Common Land optaron por facer accesible este material didáctico e lúdico a través da web do proxecto, na que as persoas interesadas xa poden descargar todas a cartas do xogo, así como as súas instrucións e outra información complementaria.

Unha vez rematado o proceso de impresión desta primeira edición do xogo, o equipo do proxecto procederá á súa distribución polos centros educativos da comarca, así como entre as entidades e organismos públicos que o soliciten, concluíu.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2020.