O servizo de Deportes estrea este sábado en León a súa programación de montañismo

Dende hai máis de 10 anos o Servizo de Deportes da USC organiza actividades deportivas de natureza, guiadas por persoal da Fundación USC Deportiva. Ás habituais de sendeirismo e roteiros por Compostela, este curso inclúense como novidade varias de montañismo.
A primeira –das catro que haberá ao longo do curso– será este sábado 18 co ascenso do Capeloso dende Las Herrerías (Vega de Valcarce, León). Para participar é preciso ter unha boa condición física e estar acostumado a facer rutas de sendeirismo con soltura, así como ter certa capacidade de esforzo.
Aquelas persoas que prefiran actividades máis relaxadas poden participar nos roteiros por Compostela e arredores que se realizan unha vez ao mes. O de novembro será o vindeiro mércores 22 e contará coa colaboración do Museo de Historia Natural da USC, xa que será un roteiro micolóxico. Para rematar o mes, o sábado 25 está programada unha ruta polo Camiño dos Faros, de Ponte do Porto a Muxía.
Iniciación á meditación
Por outra banda, tras a boa acollida dos anteriores cursos, a Fundación USC Deportiva convoca unha nova edición do curso de iniciación á meditación que terá lugar o 16 de decembro e no que o alumnado aprenderá ferramentas e habilidades que mellorarán a capacidade de manexar o estrés e as condicións de saúde relacionadas con el, incrementar a concentración e aumentar a relaxación física e mental. O curso impartirao o profesor de tai chi, kung fu e meditación da Fundación USC Deportiva Amancio Rial.
Todas as persoas interesadas en participar nesta actividade, para a que non é necesaria ningunha experiencia previa, deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web da Fundación. O custo do curso é de 47 € (52,70 € coa comida incluída) e as prazas son limitadas (máximo 12 participantes) polo que se recomenda realizar a reserva de praza o antes posible xa que se respectará rigorosamente a orde de inscrición para a súa adxudicación.