Ir o contido principal

O Servizo de Deportes organiza en abril dúas novas rutas de sendeirismo

Detalle das paraxes que se visitarán na zona do río Umía
Detalle das paraxes que se visitarán na zona do río Umía

O servizo de deportes da USC organiza este mes de abril dúas rutas de sendeirismo nas que os ríos cobran un especial protagonismo. Concretamente, trátase de rutas que se levarán a cabo na provincia de Pontevedra, nos concellos de Cambados, Ribadumia e Pontevedra, estando incluídas gran parte das zonas percorridas na Rede Natura 2000 polo seu alto interese natural.

O primeiro itinerario será o vindeiro sábado 6 e consta de dúas partes ben diferenciadas: unha ao longo do río Umia e outra pola costa de Cambados. A actividade completarase cunha visita a un muíño de mareas restaurado desta última localidade. Esta ruta forma parte da programación de Rutas de Lecer. Xa a finais de mes, o mércores 24, dentro da programación de Roteiros, o itinerario proposto desprazarase ao concello de Pontevedra. Nesta ocasión o protagonista é o río Lérez, cun percorrido de aproximadamente 9 quilómetros de lonxitude que permitirá coñecer parte deste interesante espazo natural. En ambos casos, o obxectivo da actividade é promover o deporte na natureza e os hábitos de vida saudables e están dirixidas por persoal titulado da Fundación USC Deportiva.

As rutas están dirixidas ao público xeral sen que sexa preciso pertencer á comunidade universitaria. Na web da USC poden consultarse prezos, horarios, dificultade e información máis completa sobre cada unha destas actividades, ademais de consellos xerais no caso de participar nestas rutas de sendeirismo. Para asistir a calquera destas rutas é imprescindible inscribirse previamente na web: https://aplicacions.usc.es/deportes/actividades/index.jsp?idUnidadGestion=7&idBloqueActividad=487.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.04.2019.