Ir o contido principal

O Servizo de Deportes da USC programa distintas actividades e escolas deportivas para o curso 2015-2016 no campus de Lugo

Cartaz da programación das actividades e escolas deportivas da USC no campus de Lugo
Cartaz da programación das actividades e escolas deportivas da USC no campus de Lugo
A matrícula xa está aberta e as disciplinas ofertadas comezarán a desenvolverse o luns 21. Haberá xornadas de portas abertas do 14 ao 18 de setembro

O Servizo de Deportes da USC inicia o curso coa apertura do prazo de inscricións para as distintas escolas deportivas para o curso 2015-2016, unha programación que no caso do campus de Lugo abrangue un total de nove disciplinas ou actividades diferentes. A oferta está dirixida a integrantes da comunidade universitaria así como ao resto da cidadanía non vinculada directamente á USC.

Como novidade fronte edicións anteriores o Servizo de Deportes da USC estrea unha tarifa xeral para a comunidade non universitaria que reduce os prezos con respecto a outros anos. Do 14 ao 18 de setembro haberá xornadas de portas abertas, durante as que todas as persoas interesadas poderán probar e coñecer as distintas actividades programadas antes de formalizar a súa matrícula. As escolas e actividades deportivas da USC para o curso 2015-2016 inclúen no campus de Lugo adestramentos de deportes colectivos (fútbol sala feminino e voleibol mixto), actividades aeróbicas (mantemento+aeróbic+steps, cardiodance e GAP) así como as de ximnasia de mantemento ioga, pilates ou running. O prazo de matrícula nas distintas actividades e escolas deportivas permanece xa aberto desde o 7 de setembro para os membros da comunidade universitaria, que nos últimos anos representaron arredor dun 70% dos participantes, e abrirá o próximo luns para o resto de persoas interesadas en participar. A inscrición pode facerse a través da web da USC ou na Oficina de Deportes do campus de Lugo, previa “alta de usuario” no Servizo de Deportes da USC. O inicio das actividades deportivas programadas en Lugo, cuxa práctica se desenvolverá nas instalacións dispoñibles na Facultade de Veterinaria, así como na piscina de As Pedreiras, no polideportivo de O Palomar, ademais de nas pistas de atletismo ‘Gregorio Pérez Rivera’ e no polideportivo do Ceip Rosalía de Castro, será o luns 21 de setembro. O seu remate está previsto para o 30 de abril, agás no caso do running, que finalizará o 30 de xuño.

O alumnado de grao que realice algunhas destas actividades poderá solicitar o recoñecemento de créditos ECTS por cada 25 horas de actividade en cada curso académico. O desenvolvemento de calquera das actividades programadas para o vindeiro exercicio académico está supeditado á existencia dun número mínimo de persoas interesadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2015.