Ir o contido principal

O Servizo de Normalización Lingüística abre a inscrición para o curso de habilidades comunicativas

Cada módulo está dotado con 1 ECTS. Imaxe de arquivo
Cada módulo está dotado con 1 ECTS. Imaxe de arquivo
Esta actividade formativa que chega xa á súa segunda edición consta de tres módulos cunha duración de 25 horas cada un
Lugo, Santiago de Compostela

A USC a través do seu Servizo de Normalización Lingüística abre o prazo de inscrición da segunda edición do seu curso de habilidades comunicativas. Esta actividade formativa atópase integrada por tres módulos que poden cursarse integramente ou por separado, constando de 25 horas cada un. A cada un dos módulos recoñéceselle 1 ECTS para todas as titulacións da USC.

O curso estará dispoñible en versión presencial no campus de Santiago durante o primeiro cuadrimestre do presente curso. No segundo cuadrimestre, levarase a cabo unha edición virtual para estudantes dos campus de Santiago e de Lugo.

O primeiro dos módulos versa sobre a redacción científica e o seu obxectivo primordial consiste en mellorar a competencia escrita. Diríxese sobre todo ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de máster, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento. O prazo para inscribirse neste módulo remata o 26 de setembro.

A defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, ou a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa, son algunhas das cuestión que aborda o módulo dous do curso, cuxo prazo de inscrición remata o 11 de outubro. O estudantado da USC, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén debe ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral. Neste sentido, o SNL entende que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral.

O terceiro dos módulos está centrado nas presentacións dixitais eficientes. Con esta actividade preténdese que nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais o alumnado universitario saiba onde se atopan as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico. O prazo para inscribirse neste módulo remata o 31 de outubro.

Nesta ligazón pode obterse máis información sobre o proceso de inscrición nos módulos que integran o curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.