Ir o contido principal

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC forma monitores científicos para o VII Campus de Verán XuvenCiencia

Monitores científicos dunha edición do campus de verán XuvenCiencia
Monitores científicos dunha edición do campus de verán XuvenCiencia
Aberto ata o 1 de abril a inscrición no programa de voluntariado para ser monitor no VII Campus de Verán XuvenCiencia 2019 que se celebrará en xullo no campus de Lugo

O Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu) da USC forma a voluntarios e voluntarias para participar como monitores científicos do VII Campus de Verán XuvenCiencia 2019, que se desenvolverá ao longo do mes de xullo no campus de Lugo, a través dun programa de voluntariado que mantén aberto o período de inscrición ata o día 1 de abril a través da web do Sepiu.

O Campus de Verán XuvenCiencia é unha actividade de divulgación científica destinada ao alumnado preuniversitario que ofrece a oportunidade de descubrir diferentes ramas das ciencias e da tecnoloxía. Este proxecto conta cun equipo de monitores e monitoras voluntarias que acompañan ao alumnado preuniversitario durante as actividades, dan apoio nos obradoiros e proxectos científicos, colaboran na loxística e na creación de material audiovisual, e aprenden a realizar novas actividades de forma lúdica e divertida.

O alumnado interesado en participar neste programa de monitor científico deberá realizar a súa inscrición antes do 1 de abril a través da páxina do Servizo de Participación e Integración Universitaria. Trátase dunha iniciativa aberta a estudantes de grao, máster, doutoramento ou de Formación Profesional.

A organización do VII Campus de Verán XuvenCiencia dará prioridade ao alumnado con maior interese, á afinidade cos estudos cursados, a dispoñibilidade nas datas sinaladas, así como ao feito ter experiencia como “xuvencientífico/a” ou como voluntario/a en edicións anteriores.

O alumnado que está a cursar estudos de grao na USC pode solicitar recoñecemento académico con créditos optativos pola súa participación no programa de Monitorado Científico do Campus de Verán XuvenCiencia. Pode solicitarse maior información directamente no Servizo de Participación e Integración Universitaria do Campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2019.