Ir o contido principal

O Servizo de Publicacións da USC acode con nove títulos á 39ª Feira do Libro de Bos Aires

A editorial universitaria difundirá algunhas das súas novidades máis demandadas

O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela participa do 23 de abril ao 13 de maio na 39ª Feira do Libro de Bos Aires cunha selección de nove títulos, entre os máis demandados neste momento e que dan boa conta da investigación que se realiza na institución docente. Os responsables do servizo queren levar a esa importante feira unha mostra dos froitos editoriais de éxito en diversos campos de coñecemento. Por iso, en Bos Aires coñeceranse as obras El canon de la literatura europea; El Pórtico de la Gloria. Música, arte y pensamiento; El texto medieval. De la edición a la interpretación; Entre imperio y naciones. Iberoamérica y el Caribe en torno a 1810; Introducción a la teoría de juegos; La ciencia del suelo; La Iglesia de Santiago y el Pontificado en la Edad Media (1140-1417); Terrorismo de estado y política educativa. Argentina 1976-1983 e Tiempo y conciencia en Edmund Husserl. A USC asiste á feira da man da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) xunto a outras vinte e seis editoriais de universidades e centros de investigación. En conxunto, no seu pavillón exporanse 400 títulos das máis diversas temáticas que poderán consultarse e, no seu caso, adquirirse no propio stand, que estará asistido polo distribuidor arxentino Jorge Waldhuter. Os libros que non se vendan na mostra incorporaranse á exposición permanente que a UNE ten na Librería Universitaria de Bos Aires, que conta na actualidade cun fondo de 2.500 títulos editados polos campus españois.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2013.