Ir o contido principal

O Servizo de Publicacións da USC incrementa a súa oferta de obras editadas en acceso aberto

Detalle da aplicación interactiva BIP para a diagnose e terapéutica de enfermidades bovinas
Detalle da aplicación interactiva BIP para a diagnose e terapéutica de enfermidades bovinas

O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago presenta xa en acceso aberto un total de vinte títulos editados, logo da incorporación ao seu catálogo das obras El sistema metropolitano de Galicia. De las áreas metropolitanas a las regiones urbanas e Coopera-Aprende. Técnicas de Aprendizaxe Cooperativa, así como da aplicación interactiva BIP para a diagnose e terapéutica de enfermidades bovinas. Ao abeiro das declaracións institucionais, disposicións legais e directivas comunitarias en materia de acceso aberto, o Servizo de Publicacións inaugurou en 2010 a senda da edición de libros dixitais nativos. Na actualidade, entre os vinte títulos ofertados polo Servizo de Publicación se atopan libros, monográficos ou actas de congresos, ademais de 880 teses de doutoramento e 4.700 artigos de revistas editados en acceso aberto. Como explica o responsable deste servizo universitario, Juan Blanco, esta é unha modalidade que incrementa de xeito moi importante o impacto e inmediatez das publicacións, ademais de reducir, nalgúns casos a cero, os custos directos e indirectos de produción editorial. A oferta dixital do Servizo de Publicacións compleméntase coa libraría dixital Espazo Ebook, para libros con PVP e acceso restrinxido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2013.