O Servizo de Publicacións da USC súmase á celebración en 2012 dos vinte e cinco anos da Unión de Editoriais Universitarias Españolas

As editoriais universitarias españolas decidiron crear en novembro de 1987 unha asociación (orixinalmente chamada AEUE, Asociación de Editoriais Universitarias Españolas) para representar, xestionar, fomentar e defender os intereses xerais da edición universitaria española nos ámbitos nacional, europeo e internacional. Nese grupo nuclear da asociación xa figuraba o Servizo de Publicacións da USC, daquela dirixido por Mercedes Brea. A actualmente denominada Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE), que agrupa 63 editoriais e servizos de publicacións de universidades e centros de investigación españois, lembrará durante 2012 o seu primeiro cuarto de século de actividade. Baixo o slogan «25 anos de edición universitaria: aposta polo futuro», o programa de actos que conmemorará o 25 aniversario deuse a coñecer esta semana na feira do libro español LIBER, evento no que participa a UNE de maneira ininterrompida dende a súa creación. Á presentación asistiu o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés, que é membro da Comisión de Calidade da asociación As actividades conmemorativas presentáronas o presidente da UNE, Francisco Fernández Beltrán; o director xeral do Ministerio de Cultura, Rogelio Blanco; a vicepresidenta e responsable da área de Calidade da UNE, Ana Isabel González; a responsable da área de Comercialización e Internacionalización, Belén Recio Godoy; e o expresidente da UNE, Antonio Pérez Lasheras. 25 anos defendendo o libro universitario A UNE e os seus asociados deron sempre cumprimento aos obxectivos que se marcaron no momento do seu nacemento e hoxe aqueles fins seguen estando vixentes, de maneira que contribúen á difusión e promoción do libro universitario, serven de fonte de información sobre os problemas do libro en xeral e das publicacións universitarias en particular, promoven e organizan cursos de formación relacionados co sector editorial e realizan estudos monográficos, prospectivos e estatísticos de interese para a edición universitaria española.
Ademais, a UNE facilita a profesores, estudantes, investigadores e lectores en xeral a localización, exame e compra das edicións universitarias, representa a edición universitaria ante as administracións públicas e nas asociacións internacionais de editores, vela polo prestixio e a boa imaxe pública do libro universitario español e protexe os dereitos de autor segundo a lei de propiedade intelectual.