O Servizo de Toxicoloxía Forense organiza unha xornada de actualización nesta materia
O Servizo de Toxicoloxía Forense da USC organiza a vindeira semana unha xornada de actualización sobre cuestións de grande actualidade en materia de toxicoloxía forense. A xornada celebrarase o 24 de maio no Centro de Estudos Avanzados-Casa Europa da USC (Parque de Vista Alegre).
A inauguración oficial está prevista que a presida o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, xunto a quen tamén intervirá a presidente da Asociación Española de Toxicoloxía (AETOX), Ana Cameán. O programa principiará cunha mesa redonda cun relatorio sobre a abordaxe clínica do consumo de novas substancias psicoactivas, a cargo de Benjamín Climent, da Unidade de Toxicoloxía Clínica e Desintoxicación Hospitalaria do Hospital General Universitario de Valencia; e sobre a metodoloxía analítica para a detección das novas substancias de abuso, tema do que se encargará Antonio Moreda Piñeiro, do departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC. A sesión matinal complétase coa presentación de comunicacións orais e pósteres.
A xornada da tarde reanudarase a partir das 15.15 horas coa segunda mesa redonda programada na que o forense toxicólogo e profesor da Universidade Alcalá Luis Segura Abad falará sobre a interpretación médico-legal das análises toxicolóxicas de drogas e particularmente coa problemática da saliva, mentres que Sara Cerceira Caramés, da Consellaría de Sanidade, aludirá á certificación correcta de mortalidade en falecementos relacionados co consumo de drogas.
Na organización do encontro, o Servizo do Instituto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’, conta coa colaboración da Asociación Española de Toxicoloxía e da Consellaría de Sanidade. O comité organizador intégrano por parte da USC Iván Álvarez Freire, Ana María Bermejo Barrera, Pamela Cabarcos Fernández e María Jesús Tabernero Duque, e Sara Cerdeira Caramés pola Consellaría de Sanidade.