O Servizo Universitario de Residencias garante o acceso ao ensino superior ás persoas con menos recursos, sinala o reitor
O Servizo de Residencias Universitarias (SUR) da USC, integrado na actualidade polos colexios maiores Fonseca, Rodríguez Cadarso e San Clemente, así como polas residencias Monte da Condesa e Burgo das Nacións, en Compostela, e ‘Jesús Bal y Gay’, no Campus de Lugo, conforman un servizo universitario “sen parangón” no contexto da universidade española, salientou o reitor da USC, Antonio López Díaz, ao tempo que engadiu que “a oferta de aloxamento, ademais doutro tipo de sevizos, a prezos públicos e accesibles para as rendas menos favorecidas, garante ou, cando menos, favorece o acceso ao ensino superior aos mozos e mozas de familias con recursos económicos máis reducidos”.
Antonio López fixo esta reflexión no acto protocolario de apertura do curso nas residencias universitarias da USC celebrado na ‘Jesús Bal y Gay’, o único centro do SUR na sede universitaria luguesa. Acompañado da Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e do Vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce, así como da directora do centro, a profesora Paula Vázquez, o reitor da USC lembrou que “a residencia Jesús Bal y Gay está a piques e festexar a súas vodas de prata, xa que este centro botou a andar en xaneiro de 1995, coincidindo coa celebración do quinto centenario da USC”.
Estas sesións de apertura de curso a mediados de outubro poden resultar atemporais, recoñeceu López, para, de seguido, precisar que “ata fai pouco tempo o curso universitario en Lugo non comezaba ata despois do San Froilán, por non viaxar no tempo ata o século XVII, cando o ano académico nas aulas universidades botaba a andar polo San Lucas, a mediados de outubro, e remataba polo San Xoán, a finais de xuño”.
As cousas teñen mudado moito neste plano da organización do calendario académico, pero “a etapa universitaria segue a ser un período único”, dixo o reitor da USC, quen tamén fixo fincapé no importante servizo que presta a institución académica ás familias ao poñer á súa disposición un total de 1.100 prazas de aloxamento nos seus colexios maiores e residencias universitarias en Santiago e Lugo.
O acto protocolario de apertura do curso no SUR da USC, unha sesión que se celebrou por vez primeira o curso pasado no Colexio Maior Fonseca de Compostela, citou nesta ocasión no salón de actos da residencia Jesús Bal y Gay a máis de medio centenar dos máis de 90 universitarios que enchen unhas instalacións que “xa comezan a demandar algúns coidados”, segundo precisou Paula Vázquez, quen tamén tivo palabras de lembranza para todos os seus predecesores nos equipos de dirección desta residencia.
A inauguración do curso 2020-2021 no SUR da USC incluíu tamén un relatorio a cargo do funcionario e técnico do servizo de drogodependencias do Concello de Lugo Francisco Javier Fernández Eiros, quen ofreceu unha charla sobre adicións e mocidade baixo o título ‘A xeración Millennial fronte as adicións: antigos problemas, novos enfoques’.
Estudantes y responsables académicos e políticos participantes no acto